5 dic 2013

65 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos

O vindeiro martes día 10 cúmprese o 65 aniversario da declaración universal dos dereitos humanos. No Conservatorio para non esquecer o valor  de tan importante documento celebraremos un acto conmemorativo.
No corredor que leva o Auditorio no primeiro andar faremos unha pegada de carteis con imaxes que reflicten  que,  malia que a declaración  é universal, seguen a faltar algúns deses dereitos humanos para moitos dos nosos semellantes.
No vestíbulo poñerán a música un Ensemble de Clarinetes composto por profesores e alumnos e o Coro Infantil do CMUS “Xoán Montes” que tamén prestarán as súas voces para ler algún dos artigos da declaración.
Vide á celebración. Estades convidados.

18 nov 2013

"Ensinar é o mesmo que apertar parafusos"


Ensinar é o mesmo que apertar parafusos" por  Pablo Coria

"Na miña opinión, ensinar a tocar a frauta non é moi diferente de apertar parafusos". Bo en realidade, creo que esta idea, con matices, se pode facer extensiva a calquera tipo de ensino. Ben, creo que unha afirmación tan provocadora como esta, esixe que me explique de inmediato.

A idea básica: débese apertar o parafuso, pero sen pasalo de rosca
A idea básica deste símil é que cando asumimos a responsabilidade de ensinar un alumno debemos ter moi presente a resposta deste á nosa acción didáctica. Traducido á linguaxe de parafusos, basicamente trátase de apertar o parafuso o necesario pero á súa vez estando atento a non o pasar de rosca. Se mantemos este equilibrio o alumno sentirá un nivel de esixencia necesario para o seu progreso pero nunca se debería sentir indebidamente agoniado.

Un desaparafusador para cada parafuso
Un feito coñecido por calquera que algunha vez fixese calquera mínima reparación ou "bricolaxe" é a necesidade de utilizar as ferramentas axeitadas. Deste modo, non é o mesmo ter que apertar un parafuso liso que un de estrela; e dentro de cada un destes tipos hai infinidade de calibres e tamaños. Que é o que lle pasa a un parafuso cando pretendemos apertalo cun desaparafusador que non é o apropiado? A resposta é que se lle estraga a cabeza. Pois iso, cando tratamos con algo máis sensible que un parafuso como é un alumno, será imprescindible elixir as ferramentas axeitadas. Estas ferramentas son coñecidas no mundo dos profesores polo nome de metodoloxía (forma de ensinar), pero na miña opinión non se trata máis que de escoller o desaparafusador axeitado.

Escoitar aos parafusos
Un mecánico inexperto non está atento á resposta dos parafusos á súa acción. Esta acción insensible pode provocar que nun momento dado o mecánico non oia un chío de queixa ou detecte que o parafuso se atascou. Non atender aos avisos ou respostas dos verdadeiros protagonistas da aprendizaxe, perdón dos parafusos, supón unha metodoloxía totalmente irresponsable xa que limita o noso coñecemento da situación e non posibilitará a toma de decisións axeitada. O pobre parafuso seguirá renxendo ata que finalmente non poida avanzar.

Afrouxar para poder volver apertar
Algunhas veces ben por unha procedemento inapropiado noso ou por calquera outra circunstancia nos decatamos de que o parafuso non se pode apertar máis e que simplemente o estamos a forzar. Nestes casos, a estratexia máis intelixente é afrouxar o parafuso para recolocalo correctamente antes de volver apertalo, xa que seguramente non ía polo camiño axeitado. A isto poderiamos chamalo rebaixar momentaneamente a esixencia dos obxectivos a alcanzar(aflojar), e probar outra metodoloxía ou camiño; aínda que eu creo que é máis claro o de "afrouxar para poder volver apertar"


Coñecer todos o parafusos posibles
Anteriormente mencionei parafusos lisos e con cabeza de estrela e tamén falei de distintos tipos de calibres, pero sorprenderiámonos se fosemos a unha ferraxaría e vísemos a inxente cantidade de parafusos que existen. O caso é que aínda que fosemos á mellor ferraxaría da nosa cidade, non encontrariamos máis que a mínima parte dos parafusos que saen das fábricas e dos que existen no mundo. De feito, moitas veces ata dous parafusos saídos dunha mesma fábrica non son exactamente idénticos; polo tanto necesitaremos coñecer a maior parte de modelos diferentes que estea ao noso alcance e posteriormente estar atenta ás particularidades do exemplar que esteamos a apertar. Hoxe en día deuse en chamar a isto atención á diversidade.

Un parafuso que quere que o aperten: a motivación do parafuso
Ningunha sensación positiva supera a do mecánico que se encontra a un parafuso que lle pide que o aperten. Esta motivación do parafuso pode ser debida a unha calidade excelente do material ou ás experiencias previas do parafuso. O noso traballo como mecánicos consiste en non desperdiciar este tesouro en caso de que nolo encontremos aínda que é máis probable que nos toque procurar con todos os medios ao noso alcance que todos os parafusos finalmente desexen ser apertados.

A motivación do mecánico
Fálase moitas veces da motivación dos parafusos pero déixase de lado a motivación do mecánico a pesar da importancia do seu labor. Na miña opinión nada hai máis motivador para un mecánico que ver como os parafusos están perfectamente axustados e que mesmo algúns deles agradecen ou reclaman ser axustados. Para que se dean estas felices circunstancias o mecánico non pode deixar de facer o seu traballo coa máxima profesionalidade e cariño, xa que senón dificilmente poderá obter uns bos resultados. Polo tanto isto é unha pescada que se morde a cola e a única esperanza que ten o mecánico para non caer no desánimo é facer o seu traballo o mellor que saiba e poida o cal lle granxeará un resultado proveitoso que redundará na súa propia motivación. Ou visto dende outro punto de vista, o parafuso tamén actúa e inflúe sobre o propio mecánico!.

A importancia dos parafusos de arredor
Algunhas veces encontreime con algún mecánico novel que se sorprendía enormemente ao observar que o feito de apertar un parafuso producía que se movesen outros que estaban arredor e aos cales resultaba estar conectados. A sorpresa destes mecánicos noveis é maiúscula cando se decatan de que estes parafusos veciños que están conectados con aquel outro que están a apertar e que sofren cando apertas inadecuadamente o parafuso protagonista se chaman pais.

Vixiar que o parafuso non se afrouxe
Unha vez que cremos que xa conseguimos o axuste necesario do parafuso é fundamental comprender que non rematou o noso traballo. Os parafusos deben de seguir sendo comprobados periodicamente. Calquera parafuso está suxeito a unha forza de resistencia que como consecuencia o vai afrouxando. Todos sabemos que unha das cousas máis difíciles no proceso de aprendizaxe é a constancia e a continuidade. Ás veces conseguimos alcanzar algún pequeno éxito parcial no noso camiño cara ao saber, pero o verdadeiramente meritorio é manter a nosa constancia e non permitir que unha indesexada fatiga ou falta de motivación consiga "afrouxarnos. É necesario polo tanto un continuo seguimento dos parafusos.

O parafuso que se converte en mecánico
Nada hai máis milagroso que aqueles casos dos parafusos que se converten en mecánicos. Nestes casos o máis importante é que a estes novos mecánicos non se esqueza que algunha vez foron parafusos. Curiosamente cando parecería obvio que estes antigos parafusos deberían desenvolver o seu novo traballo coa maior eficacia, ás veces, encontrámonos con que o novo punto de vista os desorienta e que parecen ter saído da Caverna de Platón polo que deben aprender a adecuarse á súa nova realidade. (pode suplirse o exemplo da Caverna de Platón por un máis peliculeiro como é o das testemuñas que perden a súa memoria cando os Homes de negro, Men in black, utilizan o curioso trebello deseñado para tal efecto).

A importancia do mecánico: nace ou faise
Na miña opinión o traballo de mecánico é un dos máis complexos que existe. Para chegar a ser un bo mecánico débese ir a unha escola de mecánicos, desenvolver unha boa formación para posteriormente ir pouco a pouco atesourando unha experiencia indispensable e enriquecedora froito do contacto coa realidade. O peor do asunto é que todo isto tampouco garante que un chegue a ser un bo mecánico polo que creo que o único realmente indispensable para chegar a ser un bo mecánico é o único que non dixen: querer dedicar a túa vida a apertar parafusos.
   
Conclusión
Despois de todo o exposto, creo que expliquei por que na miña opinión ensinar é o mesmo que apertar un parafuso, aínda que probablemente moitos esteades a pensar que o que realmente pasa é que a min fáltame un parafuso!.


Pablo Coria Abel
Profesor de frauta e "apretador de parafusos"
Lugo, (España), xuño de 2012


* Dedicado a todos os parafusos que mellor ou peor tiven o privilexio de apertar

11 nov 2013

As bandas de música na cerna da cultura popular de Galicia


Desde hai xa máis de século e medio, veñen as bandas de música enchendo de sons no aire, as prazas e as rúas, os turreiros e as corredoiras de todo o país. Foron sen dúbida polo alcance da súa presenza, tanto numérica como cualitativamente, unha parte indispensable na vida civil e relixiosa das nosas vilas, cidades e aldeas, e, en xeral, na paisaxe sonora de Galicia. Afastadas do primeiro plano da escena cultural ao longo da segunda metade do século XX, por mor dos cambios profundos experimentados nos hábitos do consumo musical e do lecer, foron capaces de abordar nestes últimos trinta anos unha fonda renovación desde dentro e, en virtude dela, de restablecer coa sociedade galega os nexos que permiten afirmar hoxe a súa vizosidade e confiar no seu futuro.
Tan presentes e, non obstante, tan ausentes nos espazos do pensamento sobre a cultura do país, quérese con este encontro traelas ao primeiro plano desta reflexión: evocar aquel pasado, que formaba parte de todo un mundo xa ido, aínda que presente en moitos dos elementos da nosa cultura musical actual; avaliar o estado e as perspectivas da investigación ao redor desta parcela tan relevante do patrimonio cultural inmaterial de Galicia; analizar os cambios acaecidos no seu seo nos últimos decenios –os repertorios, a actividade formativa, as estruturas organizativas, etc. Son estas algunhas das liñas ao redor das que pretende xirar este encontro, aberto e plural, como a realidade mesma das bandas de música e dos seus públicos.

Consello da Cultura Galega
Venres, 15 de novembro de 2013