22 mar 2013

Os nenos e as nenas cantan a Rosalía

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega reunirán un coro de 400 nenos e nenas para cantar os versos de Rosalía de Castro nunha homenaxe única á escritora no ano no que conmemora o 150.º aniversario da publicación de Cantares Gallegos.

A compostelá praza da Quintana acollerá o 7 de xuño este concerto, no que participará alumnado de conservatorios, escolas de música e coros infantís de toda Galicia. Previamente, os nenos e nenas visitarán a Cidade da Cultura de Galicia, onde realizarán o ensaio xeral. 

No eido da música e das artes escénicas, ademais desta actividade musical educativa, estase a preparar unha recompilación das principais gravacións existentes da música de Rosalía, un concerto ía dentro do ciclo de música Espazos Sonoros, e difundiranse as novidades discográficas deste ano arredor da figura desta escritora, proxectos como Rosalía de Narf, música e poemas rosalianos musicados polo cantante galego Narf, e un proxecto arredor de Cantares Gallegos do grupo folk aCadacanto. Ademais, o Centro Coreográfico Galego levará por vilas e cidades de Galicia o espectáculo de danza Rosalía; e Sarabela Teatro difundirá a súa prosa e poesía a través do espectáculo escénico Os cantares das musas.

Pódese consultar máis información no enlace web: http://consellodacultura.org/rosalia2013/nenos_rosalia.php

6 mar 2013

Músicas e Mulleres en concerto

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Conservatorio Profesional de Música de Lugo comprácese en convidarvos ao vindeiro concerto que terá lugar no Auditorio do Centro as 20.00 horas do Venres día 8.
Podedes consultar o programa nas seguintes imaxes.




Velaquí unha escolma das nosas Mulleres, das nosas traballadoras. Oito Donas, con maiúscula, que soan no Parnaso Feminino Galego aínda con forza, que deixaron o seu agasallo fecundo de visionarias como a Música deixa no ar a súa pegada de maxia.