19 abr 2013

Planeta Rosalía

Co adaxo da celebración dos 150 anos da publicación de Cantares Gallegos a Universidade de Vigo e a Fundación Rosalía de Castro promoven unha iniciativa para traducir ao máximo de linguas posibles dous dos poemas máis coñecidos desta obra: “Airiños, airiños aires” e “Adiós ríos, adiós fontes”.
Con estas traducións, calquera de nós pode ler, gozar e agasallar aos amigos e amigas de fóra, pero tamén queremos facer un chamamento a tradutores de todo o mundo para que “asúen” estes dous poemas a cadansúas linguas.
Iremos publicando cada novo idioma segundo vaian chegando, ata o 1 de xullo, cando poremos fin á procura. Daquela poderemos descargar en carteis e pendurar por rúas, centros educativos e lugares de traballo todas estas traducións. En Vigo engalanaremos todas as rúas do Casco Vello, onde se imprimiron os Cantares por vez primeira, o 17 de maio de 1863, e así viandantes e turistas poderán levar cadansúa tradución.
Visita PLANETA ROSALÍA e colabora traducindo un poema!

18 abr 2013

bUSCatermos, por fin ao alcance de todos

 
A USC estrea a súa aplicación bUSCatermos para iPhone e iPad

Recolle máis de 450.000 formas lingüísticas e máis de 150.000 conceptos

  Os usuarios de iOS, xa sexa dun iPhone ou dun iPad, xa poden levar no peto unha enorme base de datos con máis de 150.000 conceptos e máis de 450.000 formas lingüísticas de vocabulario das áreas especializadas máis diversas. A Universidade de Santiago e a empresa Sixtema presentaron esta mañá a aplicación bUSCatermos para os dispositivos iOS, unha app gratuita que permite acceso aos contidos da ferramenta universitaria que pode gabarse de ser o recurso lexicográfico máis amplo existente para a lingua galega.

Deste xeito, a aplicación, que xa está completamente operativa, facilitará o traballo para todas as persoas que pretenden empregar o galego como lingua de comunicación en temáticas especializadas mantendo a calidade e a precisión esenciais para este tipo de comunicación. Para cada un dos conceptos compilados recóllense as denominacións máis habituais en galego e na maioría dos casos tamén as empregadas nas linguas do contorno máis inmediato: castelán, inglés e portugués, fundamentalmente.
O bUSCatermos aínda non está dispoñible para outros sistemas operativos como Android ou Blackberry, pero o Servizo de Normalización da Universidade está disposto a colaborar con desenvolvedores que queiran crear outra aplicación.

Fonte: La Voz de Santiago, 
17 de abril de 2013

12 abr 2013

Xa está en cartel...!


A Real Academia Galega terá novo presidente o 20 de abril



Un plenario dividido elixirá ese día entre Alonso Montero e González
A situación de interinidade que atravesa a Real Academia Galega desde que o pasado 13 de marzo Xosé Luís Méndez Ferrín presentou a súa dimisión xa ten data límite: o 20 de abril. Ese sábado un plenario dividido en dous bloques elixirá un novo presidente entre as candidaturas lideradas polos profesores Xesús Alonso Montero e Manuel González.
Se non o fan público con anterioridade, as dúas listas deberán concretar ese día ante o plenario os cinco nomes da súa proposta de executiva e detallar que cargos ocuparían en caso de resultar elixida (presidente, secretario, vicesecretario, tesoureiro e arquiveiro-bibliotecario). Con Manuel González compartirán lista os filólogos Francisco Fernández Rei e Xosé Luís Regueira, mentres que Xesús Alonso Montero levará no seu equipo ao teólogo Andrés Torres Queiruga e á filóloga Rosario Álvarez Blanco.
Quedan por tanto pendentes de definir dous postos en cada executiva, un xesto co que se tratou de buscar a integración nunha única candidatura de consenso, pero que finalmente non se puido acadar.

O plenario que elixirá ao novo presidente está composto actualmente por 27 membros, toda vez que aínda están pendentes de ingresar na RAG os académicos electos Pegerto Saavedra e Fina Casalderrey e que permanece baleira a cadeira que deixou Méndez Ferrín.
A elección, segundo a revisión dos estatutos da Academia aprobada no 2000, farase mediante unha votación secreta (pódese enviar o voto por correo). O candidato necesita obter a maioría absoluta dos apoios (14 dos 27 posibles). Se non a consegue no primeiro reconto, pásase a unha segunda rolda na que xa abonda cunha maioría simple.
Ata 48 horas antes da celebración do plenario, é dicir, ata o xoves 18, pódense rexistrar outras candidaturas á presidencia da Academia, algo que, non obstante, semella altamente improbable nesta ocasión. De feito, esta será a primeira vez desde 1906 en que se presentan dúas listas diferentes.
O número 12 desde Murguía
O sucesor de Méndez Ferrín converterase no presidente número doce da Real Academia Galega desde Manuel Murguía, que foi o primeiro en dirixir a corporación e exerceu o cargo -entón de carácter vitalicio- ata a súa morte en 1923. A presidencia foi ocupada en dúas ocasións por Manuel Casás e Eladio Rodríguez e, entre outros, pasaron pola primeira cadeira da RAG Andrés Martínez Salazar, Francisco Ponte Blanco, Manuel Lugrís Freire e, xa en tempos máis recentes, Domingo García-Sabell, Francisco Fernández del Riego e Xosé Ramón Barreiro Fernández.
Coa revisión dos estatutos, o mandato do presidente da RAG queda limitado a catro anos coa posibilidade de optar a unha única reelección para un segundo período.

Rosalía de Castro no século XXI



Rosalía de Castro no século XXI. Unha nova ollada é un congreso internacional dividido en 5 xornadas e un congreso virtual. Contará coa participación de especialistas na obra rosaliana de diferentes xeracións e de dentro e fóra de Galicia que achegarán olladas renovadoras desta autora única.
OBXECTIVOS
  • Amosar a vixencia da obra de Rosalía no século XXI e alentar o seu aprecio por parte do público galego e non galego de todas as xeracións.
  • Acoller e poñer de relevo as novas perspectivas de análise que se foron producindo nas últimas décadas, despois do extraordinario pulo que para os estudos rosalianos supuxo o Congreso Internacional sobre Rosalía de Castro e o seu tempo, que tivo lugar en 1985 e no que tamén participou o Consello da Cultura Galega.
  • Estimular novas lecturas críticas da obra rosaliana para propiciar o avance do seu coñecemento.