19 may 2014

      dezasete frases 

Que así mo pediron, que así mo mandaron, 
    que cante e que cante, na lingua que eu falo
    Rosalía de Castro

2  “Unha lingua é máis que unha obra de arte; 
    é matriz inesgotable de obras de arte

    Daniel Rodríguez Castelao

Lingua distinta indica distinta nacionalidade
     Manuel Murguía

4  A lingua que castiga e arrola, que atrona e que canta 
     é unha lingua inmortal

     Curros Enríquez

5  Cantarte hei, Galicia, na lingua galega
     Rosalía de Castro

6  Non ensinar o galego, senón falar en galego: 
     ese é o gran labor de toda a sociedade

     Xaquín Lorenzo, Xocas

7   “GALICIA do silencio calada ... á forza”
      Uxío Novoneyra

8  “ Nobre e armoniosa fala de Breogán, 
     fala boa de fortes e grandes sen rival

     Eduardo Pondal

9   A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso
      Antón Villar Ponte

10    As linguas son verdadeiras bandeiras nacionais:
       levan as súa propias cores

      Manuel Murguía

11 Arredor da bandeira azul e branca, arredor da bandeira de Galicia, 
     cantemos o dereito á libre nova vida!
     Ramón Cabanillas

12  Non por pequeno é desprezable un idioma”
       Curros Enríquez

13   “ O máis triste é a falsidade con que fóra pintan 
        aos fillos de Galicia e a Galicia mesma

       Rosalía de Castro

 14  “Eu quixen que Galicia continuase e, ao lado da patria terrenal, 
        haxa estoutra patria que é a fala nosa

       Álvaro Cunqueiro

15   A nosa "lingua rústica" vive porque aínda temos que dicir moito nela.                     alfonso daniel rodríguez castelao

16  “Se a cultura é o mellor froito da nación, será preciso recoñecer que non hai        vida nacional única onde existan diversas culturas”                                                         alfonso daniel rodríguez castelao


17  Un idioma é sempre un signo exterior determinante dunha cultura    
         VICENTE RISCO                                                                           

15 may 2014


Dazasete de Maio

Xa falta moi pouco para a celebración do concerto conmemorativo das nosas letras, este ano adicado  o poeta Xosé Maria Díaz Castro, e que sinala o remate das actividades que o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do CMUS "Xoán Montes", realiza o longo do curso escolar.
No corredor do primero andar temos unha escolma de 17 frases sobre o galego que nos deixaron os nosos devanceiros dende Rosalía ata Novoneira, pasando por Curros, Murguia, Vilar Ponte,  Castelao, Cunqueiro e que, con toda seguridade,  daránnos que pensar.
O mércores 21 as 20h faremos o xa clásico concerto de música galega con obras de compositores da terra, Montes, C. Berea, Juan Durán,  coa participación do Coro e a Banda de Grao Elemental e varios profesores a alumnos de piano.
Todo esta preparado para festexar  xuntos as Letras Galegas!
ESPERÁMOSVOS.!!!


 

5 may 2014


O DÍA DAS LETRAS ADICADO A XOSÉ MARIA DÍAZ CASTRO

"Lémbrome ben de que, na miña época de estadía en Mondoñedo, dirixín unha revista absolutamente manuscrita, feita por estudantes". O poeta falaba tamén de que compuxo, nesa época, dous cadernos: Follas verdes e Follas ao vento. En 1931 publicou, en El Progreso Vilalbés, o primeiro texto en galego, Lembranzas e sospiros. Posteriormente, en carta a Fernández del Riego (14 de maio de 1959) dirá que “casi todo se ha perdido”, en referencia á súa obra anterior.
En 1936 deixou o Seminario ao ser chamado para incorporarse ao exército. Logo dunha breve estadía na fronte de Asturias, é destinado ao Hospital Militar de Pontevedra. Rematada a Guerra Civil, 1939, volveu a Mondoñedo. Transcorridos uns meses abandonou definitivamente o Seminario e contactou co seu amigo Aquilino Iglesia Alvariño, que dirixía daquela o Colexio León XIII, en Vilagarcía de Arousa. Díaz Castro incorporouse a aquel centro escolar onde impartiu clases ata a súa marcha a Madrid.
Nos Xogos Florais de Betanzos, 1946, acadou a frol natural ao mellor poema en castelán coa composición El cántico de la ciudad, 112 versos, e o premio á mellor poesía en galego con Nascida d’un soño, tríptico de sonetos, publicados ambos e dous no Anuario Brigantino, en 1948 e 1951, respectivamente.
Cursa estudos de Filosofía e Letras e trasládase a Madrid, 1948. O seu dominio dunha boa parte das linguas europeas permítelle entrar a traballar como tradutor no Ministerio del Interior e, logo, no Instituto de Estudios Hispánicos. Nos anos sesenta, trasládase ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas, encargándose do servizo de traducións do Instituto Científico y Técnico Juan de la Cierva, concretamente no Centro Experimental del Frío, onde acadará a súa xubilación.
Dende Madrid colaborou coa revista Alba, dirixida, en Vigo, por Ramón González Alegre. En 1955 aparecen, no tomo IV da Escolma de Fernández del Riego, poemas seus en galego que recollerá en Nimbos. En 1961, o 5 de xullo, sae do prelo da editorial Galaxia Nimbos, a súa obra cimeira. O libro foi saudado e loado por Ricardo Carballo Calero, Ramón Otero Pedrayo, Ramón Piñeiro e outras voces autorizadas.
Díaz Castro retornou a Galicia en 1982, vivindo en Guitiriz co seu irmán Serafín e frecuentando a amizade de Alfonso Blanco Torrado, autor de Ascensión dun poeta (1955), ensaio merecente do IX Premio Ánxel Fole. Nesta etapa da súa vida, o poeta coñeceu e tratou algúns escritores galegos e colaborou con Dorna, publicando poemas e traducións en varios números da revista. Segundo el mesmo manifestou, en repetidas ocasións, a súa acollida por parte de Dorna, serviulle de “estímulo para retomar o hábito, para volver á poesía”. Por iniciativa dos seus amigos Luís González Tosar, coordinador daquela de Dorna, e Alfonso Blanco Torrado, a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz, en novembro de 1987, dedicoulle o volume Homenaxe a X. M. Díaz Castro. Cómpre destacar, así mesmo, que o d’Os Vilares foi importante tradutor, ao galego e ao castelán, de autores como Lamartine, Chesterton, Yeats, Whitman, Rilke... e que se ocupou tamén da crítica e do ensaio en revistas e xornais especializados como La Estafeta Literaria e Ínsula.
Finou en Lugo o 6 de outubro de 1990 e foi soterrado en Guitiriz. Deixou inéditos, en castelán, o poemario Sombras radiantes e unha longa composición, Melodía.”
Texto de Luís González Tosar