13 jun 2014

Eugenia Osterberger Luard

O Centro Galego de Arte Contemporánea, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, acolleu este serán un acto divulgativo dunha figura histórica aínda amplamente descoñecida: a compositora galega Eugenia Osterberger, autora dun importante repertorio vocal e pianístico, na liña doutros autores musicais da época como Pascual Veiga ou o mestreChané.
Durante a presentación, que correu a cargo da secretaria xeral de Igualdade e do secretario xeral de Cultura, Susana López Abella salientou a importancia da recuperación e divulgación desta figura para “poñer en valor a memoria histórica feminina de Galicia e engadir o noso grao de area para dotar as xeracións actuais de referentes femininos que ofrezan usos e valores onde teña cabida a igualdade entre mulleres e homes”.
Unha lectura máis completa da historia musical de Galicia
A contribución de Osterberger ao legado musical galego, en palabras do secretario xeral de Cultura, “obríganos a facer unha lectura máis completa da historia musical de Galicia de finais do século XIX”. Anxo Lorenzo tamén manifestou o convencemento de que as súas obras serán incorporadas, cada vez máis, aos repertorios actuais.
Estes mesmos obxectivos foron os que motivaron as investigadoras Rosario Martínez e Beatriz López-Suevos a iniciar a tarefa de divulgación da vida e da obra compositora, aínda escasamente coñecida mesmo no ámbito dos intérpretes musicais. No seu relatorio, Rosario Martínez contextualizou o labor de Osterberger nunha época na que as mulleres non adoitaban ocupar o espazo público como protagonistas. Pola súa parte, a musicóloga López-Suevos presentou unha análise da súa obra localizada actualmente, basicamente enfocada ao piano e a melodías para piano e voz.
O acto pechouse cun concerto no que a soprano Susana de Lorenzo e a pianista Beatriz López-Suevos interpretaron unha mostra de obras da compositora compostelá. Os asistentes puideron escoitar obras como ‘Ma mi dicesti, op. 158’ (aria), ‘Ove sei?’ (canción italiana), ‘¡Adiós a Galicia!’, ‘Ausencia’, ‘Falas de nai’ (melodías galegas) e ‘Cantigas y Melodías Gallegas’.
Contribución á creación musical galega
A obra de Mme. Saunier e a súa contribución á consolidación da música culta de raíz galega é aínda unha gran descoñecida para o público galego, pero tamén para os intérpretes e estudos actuais. As súas composicións fíxanse en dous repertorios: o de piano solista, con pezas líricas e bailes de salón, e as cancións ou melodías galegas para voz e piano, nas que mostra o seu interese e compromiso co valor do patrimonio popular, da lingua e da cultura propias. Estas composicións contribuíron á creación dun legado musical galego no ámbi­to culto, onda o amplo repertorio de autores recoñecidos como Marcial del Adalid, Xoán Montes, Xosé Castro Chané, José Baldomir, Andrés Gaos ou Enrique Lens.
A música e a cultura na vida de Eugenia Osterberger
A compositora Eugenia Osterberger Luard (Mme. Saunier) naceu en Santiago de Compostela en 1852. A súa familia materna era galega, súa nai era a coruñesa Emilia Luard Álvarez, e seu pai o litógrafo e gravador Jorge Osterberger. A súa educación musical temperá e unha instrución académica moi superior á que habitualmente recibían as mozas daquela, xunto coa súa predilección polo piano desde cativa, levárona a inter­pretar e asinar múltiples obras que foron editadas en París, na Coruña e en Madrid.
En 1879 casou con Francisco Saunier e estableceuse na Coruña, onde mantivo unha participación activa desde o punto de vista cultural e social, sen renunciar á súa dedicación á composición. Formou parte das ini­ciativas promovidas por Emilia Pardo Bazán e outros intelectuais da cidade, como a fundación do padroado das Colonias Escolares, do que foi secretaria ata que mar­chou de Galicia na primeira década do século XX. Tamén foi académica correspon­dente da Real Academia Galega desde o ano fundacional.

A finais de 1907 traslada a súa residencia á Costa Azul francesa. Non se coñece a data exacta da súa morte, aínda que sabemos que foi posterior a 1914.