17 nov 2014

DOBRE CONCERTO

22 Sta Icia / 25 Día Internacional contra a violencia de género   
O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller (DIEVCM) foi aprobado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 17 de decembro de 1999. A data do 25 de novembro elixiuse para conmemorar ás irmás Mirabal (Patricia, Minerva e Mª Teresa), tres activistas políticas dominicanas asasinadas en 1960.
O EDLG súmase aos actos do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cunha axenda de actividades.
Este ano, o EDLG adhírese á campaña internacional de Nacións Unidas ÚNETE para poñer fin á violencia contra as mulleres e invita á comunidade escolar a participar nas actividades e actos que se van levar a cabo. ÚNETE!
Charla coloquio co compositor D. Fernando Buide Del Real.
Estrea absoluta da obra TROPOS en versión camerística, dirixida polo compositor.
Acto académico na honra de Sta Icía.
Entrega das matrículas de honra do curso pasado.
Entrega dos diplomas os gañadores do IV Concurso Creativo.
Concerto de profesores.
Concerto  de alumnos.




FERNANDO BUIDE DEL REAL

Doutor pola Universidade de Yale, estudou tamén na Universidade Carnegie Mellon de Pittsburgh e nos conservatorios de Santiago e Oviedo. Entre os seus mestres destacan Leonardo Balada e Martin Bresnick (composición), Tsiala Kvernadze e Lidia Stratulat (piano) e Donald Wilkins e Antonio Díaz Corveiras (órgano).
A súa música foi programada por formacións como a Sinfónica de Pittsburgh, Filharmónica de Minnesota, Filharmónica de Yale ou a Joven Orquesta Nacional de España, traballando con directores como Libor Pések, Paul Daniel, Osmo Vänskä, Miguel Hart-Bedoya ou Víctor Pablo Pérez.
En Galicia recibiu encargas da Real Filharmonía de Galicia e a Sinfónica de Galicia (en conmemoración do seu XX aniversario), así como dos festivais Mozart, Via Stellae, Are More ou Sen Batuta. A música de Buide programouse en festivais internacionais como o de Música e Danza de Granada, o Festival de Santander, o de música contemporánea de Alicante, Dartington (Inglaterra), Música no Claustro (Roma, Italia) ou New Music New Haven (Estados Unidos).
Foi profesor de teoría musical na Universidade de Yale así como nos conservatorios superiores de A Coruña e Vigo. Compositor en residencia na Real Academia de España en Roma, ven de gañar a VII edición do concurso de composición Aeos-BBVA.


TROPOS

O persoal universo sonoro de Fernando Buide del Real (Santiago de Compostela, 1980) foi descuberto polo público a través de obras estreadas pola Real Filharmonía de Galicia (Tropos, 2008 e Paisaxe suspendida, 2010), o Taller Atlántico Contemporáneo, o Ensemble s21 etc. Buide comezou os seus estudos musicais en Santiago para trasladarse a Oviedo, onde estudou piano, órgano e composición. Da man de Leonardo Balada chegou á Universidade Carnegie Mellon de Pittsburgh para completar o seu doutoramento na Universidade de Yale. A obra de Buide abrangue os xéneros camerístico, sinfónico, coral ou para banda. A súa estética é respectuosa coa tradición e aberta á vangarda, en tanto que Bach, Boulez ou Carter foron os seus primeiros focos de atención, especialmente polo timbre e o ritmo das súas obras, así como pola capacidade de precisión das súas linguaxes.
Segundo García del Busto “Tropos apunta cara a vellos procedementos compositivos froito do interese que mostra o autor pola música medieval. Pártese dunha célula temática moi sinxela que vai ser sometida a múltiples variantes e transformacións nun curso musical articulado en dúas seccións que se suceden sen solución de continuidade e que se diferencian basicamente no seu perfil rítmico: mentres que a primeira presenta unha rítmica un tanto laxa, con frecuentes cambios de pulsión, na segunda atopamos unha pulsión máis fixa que confire ao discurso maior continuidade motora”.
Buide non é un deses compositores perezosos que van por aí escribindo ‘adagios’ a base de solos instrumentais e moitos silencios; senón que traballou a fondo estes sete minutos de música, acadando un tempo animado e sen concesións á languidez.
A versión de cámara de Tropos interpretada neste concerto foi realizada por Fernando Buide expresamente para esta formación camerística (frauta, óboe, clarinete, clarinete baixo, viola, violoncello e piano). É importante mencionar o coñecemento dos recursos orquestrais que amosa o autor, tanto na súa versión orquestral orixinal como na súa versión de cámara que hoxe escoitamos aquí (na que consigue transmitir toda a esencia da obra orixinal) e sobre todo a capacidade para atrapar a concentración do ouvinte.


                                                                         PROGRAMA

-Tropos de Fernando Buide Del Real, versión para grupo de cámara, (estrea absoluta)   
  Fernando Buide, director     
 *Grupo de Cámara: Olalla Pantín López (frauta), Saleta Rey Daporta (óboe), Iván Martinez Sábio (clarinete), José Ramón Saborido Roca (clarinete baixo), Diego Segade Blanco (viola), Maika Novoa Ares (cello), Miguel Fontenla Portas (piano)

- Se fué mi amigo de Carlos López Vila piano
- La pelota saltarina se escapó de Natalia Álvarez Nieto piano
- Meigallo da lúa de Anxo Fernández Arias, piano
- Fantasía nº1, opus 3 de Luís Álvarez Cabado, piano





No hay comentarios: