20 sept 2016


Os equipos de dinamización comezan o curso con novas propostas para estudar e vivir en galego




 
O Portal da Lingua Galega, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ofrece unha mostra de materiais e actividades de referencia elaborados nos centros educativos

Santiago, 20 de setembro de 2016.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística, no cumprimento das funcións que ten asignadas, ofrece no Portal da Lingua Galega unha mostra dos materiais máis representativos, coa finalidade de divulgalos e de estender, deste xeito, as boas prácticas na promoción do uso do galego.
Nesta selección podemos atopar dende o modelo de entrevista inicial de escolarización que nos ofrece a EEI Fernández Varela da Pobra do Caramiñal, ata axendas escolares coma a do CPI Aurelio Marcelino Rey García de Cuntis, dedicada a Carlos Casares con motivo do Día das Letras Galegas 2017, pasando polos adhesivos dinamizadores para decorar cartafoles e cadernos da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Salnés ou a sinalización para colexios adaptada a alumnado con dificultades de alfabetización que propón o CEIP Heroínas de Sálvora de Aguiño (Ribeira).
Promoción do galego no ámbito educativo

A difusión de boas prácticas e de materiais de referencia dos e para os equipos de dinamización da lingua galega forma parte das liñas de traballo que a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación dedica a promover o galego no eido do ensino. Ao mesmo obxectivo diríxense as axudas económicas aos equipos para que poidan desenvolver as súas propias iniciativas no exercicio da autonomía que se lles recoñece aos centros educativos, os Proxectos de innovación en dinamización lingüística, o Proxecto Antonio Fraguas ou programas de dinamización lingüística como Nós tamén creamos! ou Dragal. De todas estas actividades e convocatorias pódese atopar información no Portal da Lingua Galega.