20 feb 2017

 Mensaxe da Directora Xeral da UNESCO, Irina Bokova,
con motivo do Día Internacional da Lingua Materna
21 de febreiro de 2017

Con motivo do Día Internacional da Lingua Materna, a UNESCO reafirma o seu compromiso total coa diversidade lingüística e o plurilingüismo. As linguas reflicten o que somos e estruturan os nosos pensamentos e identidades. Non pode haber un diálogo xenuíno, nin unha cooperación internacional eficaz, sen o respecto da diversidade lingüística, que abre paso á comprensión verdadeira de cada cultura. O acceso á diversidade das linguas pode estimular a curiosidade e a comprensión mutua dos pobos. Por esta razón, a aprendizaxe das linguas é á vez unha promesa de paz, de innovación e de creatividade.
O Día Internacional da Lingua Materna, dedicado este ano á educación plurilingüe, é tamén unha oportunidade para mobilizarse en favor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, e especialmente do obxectivo 4, relativo a unha educación inclusiva e equitativa de calidade e a oportunidades de aprendizaxe ao longo de toda a vida para todos. A educación e a información na lingua materna son esenciais para mellorar a aprendizaxe e fomentar a confianza e a autoestima, que son algúns dos principais motores do desenvolvemento.

Os seres humanos somos seres de linguaxe. As culturas, as ideas, os sentimentos e mesmo as aspiracións a un mundo mellor preséntanse sempre ante nós nunha lingua precisa, con determinadas palabras. Ditas linguas levan valores e visións do mundo que enriquecen á humanidade. O feito de valorizarlas permite ampliar a variedade de futuros posibles e fortalecer a enerxía necesaria para logralos. Con motivo deste Día, fago un chamamento para que o potencial da educación plurilingüe recoñézase no mundo enteiro, nos sistemas educativos e administrativos, nas expresións culturais e nos medios de comunicación, no ciberespazo e nos intercambios comerciais. Canto máis saibamos valorizar as linguas, máis ferramentas teremos para construír un futuro digno para todos.

                                                     Irina Bokova



Cara a un futuro sustentable a través da educación multilingüe
Con motivo deste Día, fago un chamamento para que o potencial da educación plurilingüe recoñézase no mundo enteiro, nos sistemas educativos e administrativos, nas expresións culturais e nos medios de comunicación, no ciberespazo e nos intercambios comerciais.                                                                                                 
                               Irina Bokova, Directora Xeral da UNESCO    

Para fomentar o desenvolvemento sustentable, os educandos deben ter acceso á educación na súa lingua materna e noutros idiomas. É a través do dominio da primeira lingua ou lingua materna que se adquiren as habilidades básicas de lectura, escritura e aritmética. As linguas locais, especialmente as minoritarias e indíxenas, transmiten culturas, valores e coñecementos tradicionais, desempeñando así un papel importante na promoción dos futuros sustentables.

Que é a educación multilingüe?
A educación multilingüe facilita o acceso á educación e promove a equidade para as poboacións que falan linguas minoritarias e/ou indíxenas, especialmente as nenas e as mulleres:
- Salienta a calidade do ensino e a aprendizaxe, subliñando a comprensión e a creatividade;
- Fortalece a dimensión cognitiva da aprendizaxe ao asegurar unha aplicación directa dos resultados de aprendizaxe na vida do educando a través da lingua materna;
- Desenvolve o diálogo e a interacción entre o educando e o mestre ao permitir unha verdadeira comunicación desde un inicio;
- Facilita a participación e acción na sociedade e permite acceder a novos coñecementos e expresións culturais, e de tal modo garante unha interacción armoniosa entre o global e o local.







No hay comentarios: