22 abr 2017





A CRTVG lanza Musi.gal, web en que conflúen artistas galegos de música tradicional, independente e clásica
 A CRTVG lanza o novo portal Musi.gal, onde os usuarios dos medios públicos poderán acceder a demanda a contidos musicais de todo tipo. A canle temática aposta tanto pola música máis tradicional, como pola alternativa e a clásica, da man de músicos novos, e aspira a ser o referente da música galega en Internet.  






Musi.gal reúne programas e interpretacións musicais de tres importantes fontes de recursos. Por un lado, a vizosa web alala.crtvg,  portal que recolle a serie documental do mesmo título producida pola TVG no seu célebre programa 'Alalá', co obxectivo de impulsar a música tradicional e de recoller e divulgar a cultura oral de Galicia.

En segundo lugar, a web musigalite.gal, espazo multiplataforma sobre o panorama da música independente galega e no que conflúen as experiencias audiovisuais e dixitais que antes tiveron o seu reflexo no programa 'Musigalité' da Televisión de Galicia. 

E finalmente Intermusic, unha innovadora experiencia nacida para o soporte dixital na que se recolle a historia e vivencias dun cuarteto de xoves músicos clásicos galegos (Ana López Tejero, Millán Abeledo, Cibrán Seixo e Brais Palmeiro) que deciden coller os seus instrumentos e mochilas e facer un Interrail para levar a tradición galega por Europa e amosar que a música é unha linguaxe internacional. 

Os usuarios do novo portal poderán acceder non só a capítulos destes programas, contidos gráficos, materiais adicionais ou interpretacións musicais, senón que atoparán mesmo un mapa das músicas de Galicia ou unha clasificación de instrumentos. 

A CRTVG promove Musi.gal co fin de aproveitar as tecnoloxías dixitais para poñer o seu material de arquivo a disposición pública e promover a cultura musical, xa que, como indica no cancelo promocional do proxecto, #avidaémúsica.


Fonte da información: Novas CRTVG

No hay comentarios: