15 jun 2017

         21 de xuño, día europeo da música

 

Iniciada en Francia en 1982 como “Festa da Música” e instituida como celebración europea en 1985 (Ano Europeo da Música), cada solsticio de verán, o 21 de xuño, a Unión Europea celebra unha xornada destinada a promover o intercambio cultural entre os pobos, o transvasamento musical duns territorios a outros.

O seu obxectivo é promocionar a música de dúas maneiras: a primeira, que os músicos afeccionados voluntariamente saian a tocar á rúa. A segunda é coa organización de concertos gratuítos, nos que o público teña a oportunidade de presenciar os seus artistas preferidos sen importar estilo nin orixe.

Por segundo ano consecutivo, nós tamén celebramos a data cun concerto de alumnos e profesores. Imos poñer o broche de ouro a nosa tarefa dinamizadora do curso 2016-2017 do xeito que mais nos gusta: con música. Obras que van dende J.S. Bach, pasando por J. Brahns, ata o noso X. Montes, o músico lucense, de quen leva o nome o noso conservatorio.
Xoán Hermenegildo Montes Capón, insigne compositor, figura senlleira na música, non só galega, senón do mundo. Non esquezamos a súa proxección en Hispanoamérica grazas ós galegos na diáspora que souberon manter acesa a luz da nosa cultura a través da música do mestre e con ela manter vivo o espiritu da nosa galeguidade.

No Auditorio do Conservatorio "Xoán Montes" de Lugo ás 19,00h o vindeiro mércores 21 de xuño
tedes unha cita coa música. Non vos esquezades.

No hay comentarios: