27 ene 2018

           Día escolar da Non-violencia e da Paz

O Día Escolar da Non-violencia e a Paz ( DENIP) foi declarado por primeira vez en 1964. Xorde dunha iniciativa pioneira, non gobernamental, independente, e voluntaria de Educación Non-violenta e  Pacificadora do profesor español  Llorenç Vidal. O seu obxectivo é a educación en e para a tolerancia, a solidariedade, a concordia, o respecto aos Dereitos Humanos, a non-violencia e a paz. Neste día, os colexios e centros convértense en instrumentos de paz e entendemento entre persoas de distinta formación, raza, cultura e relixión.
A mensaxe básica deste día é: ’Amor universal, Non-violencia e Paz. O Amor universal é mellor que o egoísmo, a Non-violencia é mellor que a violencia e a Paz é mellor que a guerra’.
O  DENIP foi recoñecido polo Ministerio de Educación e Ciencia, mediante a Orde Ministerial do 29 de novembro de 1976.
O día 30 de Xaneiro conmemórase ademais a morte do líder nacional e espiritual da India, o  Mahatma  Gandhi, o 30 de Xaneiro de 1948, asasinado a tiros por un fanático  hinduista.
Gandhi naceu en  Porbandar, India, en 1869, e tras  graduarse en dereito en Inglaterra, instalouse en África do sur e loitou alí contra a discriminación de que eran obxecto os indios. Ao volver á India organizou a resistencia non violenta (a súa filosofía, de base relixiosa, tiña por principio fundamental a non violencia) contra o colonialismo e a non cooperación coa administración inglesa. Tratou de frear os choques entre hindús e musulmáns que se produciron tras a independencia en agosto de 1947 (os  colonialistas británicos impuxeron como condición para retirar as súas tropas, a división da India en dous estados, India e Paquistán, un hindú e outro musulmán). Encarcerado en numerosas ocasións, era en 1937 o líder dun movemento independentista capaz de mobilizar ou deter a millóns de indios.




POEMA

Non me importa 
se es moza ou mozo 
se es negro ou branco
se entendes ben a miña lingua
e eu a túa.
Non importa de onde vés,
ou onde naciches.
Non importa se os teus pais 
vivían xa aquí.
Non importa se temos 
crenzas diferentes.
Nada diso importa. 
Porque das diferenzas
non faremos discriminacións. 
Porque as diferenzas
enriquécennos.
Porque estamos chamados 
a vivir xuntos.
E imos entendernos.
Trae acá esa man
Entenderémonos.

Esteve Alcolea



Ven a visitar a nosa exposición de Personaxes e Institucións pola Paz, ven o concerto que temos preparado e celebra o día connosco.








No hay comentarios: